Criterios baremación

Criterios xerais para a admisión do alumnado

  • 1. Se unha vez adxudicados os postos escolares ao alumnado que teña garantía de permanencia ou que goce de prioridade por proceder de centro adscrito, o número de solicitudes é superior ao de postos dispoñibles, aplicaranse os seguintes criterios para establecer unha orde de prioridade:

    • a) Existencia de irmás/áns matriculadas/os no centro.
    • b) Nai, pai, titora ou titor que traballe no centro.
    • c) Proximidade do centro ao domicilio familiar ou ao lugar de traballo das/dos nais/pais ou titoras/es.
    • d) Renda anual per cápita da unidade familiar.
    • e) Condición de familia numerosa.
    • f) Condición de familia monoparental.
    • g) Concorrencia de discapacidade na alumna ou alumno, ou en nai, pai, titora, titor, irmá ou irmán do alumnado.
      h) Ademais, para as ensinanzas do bacharelato terase en conta o expediente académico do alumnado.
      i) Criterios establecidos por cada centro educativo, consistentes noutras circunstancias relevantes e xustificadas, de acordo con criterios obxectivos, que deberán ser publicados coa necesaria antelación ao inicio do proceso de admisión.

 

 

Artigo 20. Criterio irmás ou irmáns matriculadas/os no centro educativo

  • 1. Só se terán en conta as/os que vaian continuar escolarizadas/os nel durante o curso escolar para o que se solicita a admisión.
  • 4. A acreditación realizarase mediante fotocopia completa do libro de familia ou, no caso de menores en situación de acollemento, mediante fotocopia da resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar.
  • 5. Baremo: por unha irmá ou irmán matriculada/o no centro, 8 puntos; polas/os seguintes, 2 puntos por cada unha/un.

 

 Artigo 21. Criterio nai, pai, titora ou titor que traballe no centro educativo

  • 1. Cómpre que a nai, o pai, a titora ou titor do alumnado, no prazo de presentación da solicitude, estea vinculada/o co centro mediante relación funcionarial ou contrato de traballo celebrado por escrito, sempre que non estea previsto o remate da relación no curso escolar para o que se solicita a admisión.
  • 2. Non se aplicará este criterio cando se trate de alumnado maior de idade ou menor que non conviva coa persoa que traballa no centro.
  • 3. Baremo: 3 puntos. Puntuación non acumulable no suposto de que ambas/os as/os proxenitoras/es ou titoras/es traballen no mesmo centro.
  • 4. A acreditación será realizada polo propio centro.

  

Artigo 22. Criterio de proximidade do centro educativo ao domicilio familiar ou lugar de traballo das/dos proxenitoras/es ou titoras/es

  • 1. Deberase indicar se se opta polo domicilio familiar ou polo lugar de traballo, non sendo acumulables as puntuacións polos dous criterios. No caso da admisión a ensinanzas de bacharelato, as alumnas e alumnos maiores de idade ou menores emancipadas/os, poderán optar por que se considere o domicilio do seu lugar de traballo, se é o caso.
  • 2. Considerarase como domicilio familiar o habitual de residencia das/os representantes legais do alumnado ou, se é o caso, o das alumnas e alumnos maiores de idade e menores que co consentimento dos pais vivan en domicilios distintos dos daqueles.
    Cando os representantes legais do alumnado vivan en domicilios diferentes, considerase como domicilio familiar o daquel con quen este conviva.
  • 3. O domicilio familiar acreditarase mediante certificado do Padrón municipal no que figuren todos os membros da unidade familiar que conviven nel. A data de alta no concreto domicilio deberá ter unha antigüidade mínima dun ano respecto ao inicio do procedemento de admisión, agás circunstancias debidamente xustificadas.
  • 4. De non coincidir os domicilios familiar e fiscal, as persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación complementaria: copia do título que lexitime a ocupación da vivenda declarada como domicilio familiar e contrato de alta de recibos actualizados de subministracións a nome da persoa ou persoas que solicitan a admisión.
  • 6. A proximidade ao centro educativo do lugar de traballo acreditarase:
    • a) No caso de persoas que presten servizos retribuídos por conta allea, mediante a achega de documento expedido para o efecto pola/o empregadora/or xunto cunha copia do contrato de traballo.
    • b) No caso de traballadoras e traballadores por conta propia, mediante a alta censual inicial ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria, con todas as posibles modificacións posteriores e altas na Tesourería Xeral da Seguridade Social no réxime correspondente.
    • c) O persoal ao servizo das administracións públicas presentará unha certificación expedida pola xefatura de persoal correspondente.
  • 7. Baremos:
    • a) Proximidade do domicilio familiar:
      • 1º. Se se atopa na área de influencia do centro: 6 puntos.
      • 2º. Se se atopa nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 3 puntos.
    • b) Proximidade do lugar de traballo:
      • 1º. Se está situado dentro da área de influencia do centro: 4 puntos.
      • 2º. Se está situado nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 2 puntos.

  

Artigo 23. Acreditación e valoración do criterio da renda anual per cápita da unidade familiar

  • 1. Terase en conta a renda da unidade familiar do exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural no que se presenta a solicitude.
  • 2. Considérase que a unidade familiar está integrada polos cónxuxes non separados legalmente ou parellas de feito debidamente inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia e, se os houber, por:
    • a) As fillas e fillos menores de idade, con excepción das/dos menores que, con consentimento das/dos nais/pais ou titoras/es, vivan independentemente.
    • b) As fillas e fillos maiores de idade incapacitadas/os.
  • 3. Nos casos de nulidade, separación ou divorcio, entenderase por unidade familiar a formada pola nai ou pai e todas/os as/os fillas/os que residan habitualmente cun ou outro, que reúnan os requisitos subliñados no punto anterior. Nos casos de custodia compartida, entenderase como renda da unidade familiar a das persoas que convivan no domicilio familiar indicado na solicitude.
  • 4. Para a valoración da renda da unidade familiar, as persoas interesadas deberán sinalar na solicitude a cantidade que resulte da suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro na declaración da renda conxunta, ou se é o caso, a que resulte da suma das declaracións individuais dos membros da unidade familiar, dividida entre o número de membros computables desta.
  • 8. A valoración da renda anual realizarase con referencia ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) correspondente ao exercicio fiscal ao que se refire o punto 1 deste artigo, coa seguinte escala:
    • a) Se é inferior a 0,5 veces o IPREM: 3 puntos.
    • b) Se é igual ou superior a 0,5 e inferior a 0,75 veces o IPREM: 2 puntos.
    • c) Se é igual ou superior a 0,75 veces e inferior ao IPREM: 1 punto.
    • d) Se é igual ou superior ao IPREM: 0 puntos.

  

Artigo 24. Acreditación e valoración do criterio de condición de familia numerosa

  • 2. Esta circunstancia acreditarase mediante fotocopia do título oficial en vigor ou do carné familiar galego expedidos pola Consellería de Traballo e Benestar, ou copia da solicitude de recoñecemento ou renovación. Neste último caso, deberá achegar a fotocopia do titulo, da súa renovación ou do carné, antes da resolución definitiva da admisión no centro que solicita en primeiro lugar.
  • 3. Baremo:
    • a) Por pertencer a familia numerosa de categoría especial: 3 puntos.
    • b) Por pertenza a familia numerosa de categoría xeral: 2 puntos.

  

Artigo 25. Acreditación e valoración do criterio da condición de familia monoparental

  • 2. Acreditarase mediante fotocopia do libro de familia, certificado de convivencia, resolución xudicial de separación, divorcio ou medidas paterno-filiais ou convenio regulador.
  • 3. A valoración deste criterio é de 2 puntos.

  

Artigo 26. Criterio de discapacidade

  • 1. Puntuaranse as discapacidades en grao igual ou superior ao 33 % da alumna ou alumno, da súa nai, pai ou titora/or ou dalgunha/un das/os irmás/áns.
  • 2. Acreditarase mediante a certificación do grao de minusvalía expedida pola Consellería de Traballo e Benestar ou, se é o caso, do órgano competente doutras administracións públicas.
  • 3. Baremo:
    • a) Por discapacidade da alumna ou alumno: 4 puntos.
    • b) Por discapacidade dunha/un das/dos proxenitoras/es ou titoras/es: 3 puntos.
    • c) Por discapacidade dalgunha/un das/dos irmás/áns da alumna ou alumno: 1 punto por cada unha/un delas/es.

 

Artigo 28. Criterio complementario aprobado polos centros

  • 1. Os centros educativos poderán establecer un criterio complementario consistente en circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente, de acordo con criterios obxectivos, debendo sinalar a forma de acreditalo.
  • 4. Os centros educativos farán público o devandito criterio e a forma de acreditalo antes do día 1 de marzo de cada ano.
  • 5. Baremo: 1 punto.

 

Artigo 29. Puntuación total e criterios de desempate

1. A puntuación total acadada conforme os criterios e valoración establecidos nos artigos precedentes decidirá a orde de admisión.


2. No caso de empate na puntuación final, resolverase atendendo á maior puntuación obtida en cada un dos referidos criterios atendendo a seguinte orde de prelación:
a) Existencia de irmás ou irmáns matriculadas/os no centro.
b) Nai, pai ou titoras/es que traballen no centro.
c) Proximidade do centro ao domicilio familiar ou ao lugar de traballo de nai, pai ou titoras/es.
d) Renda anual per cápita da unidade familiar.
e) Condición de familia numerosa.
f) Condición de familia monoparental.
g) Concorrencia de discapacidade na alumna ou alumno, na nai, pai ou titoras/es ou nalgunha/un irmá ou irmán.
h) Expediente académico do alumnado, no seu caso.
i) Criterio establecido polo centro educativo.


3. Se unha vez aplicados estes criterios se mantén o empate, este resolverase aplicando o resultado dun sorteo público, que realizará anualmente esta consellería a última semana do mes de febreiro e, en todo caso, antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes.


4. No sorteo extraeranse catro letras do abecedario, que determinarán, correlativamente, a primeira e segunda letra do primeiro apelido e a primeira e segunda letra do segundo apelido. As catro extraccións levaranse a cabo con todas as letras.


5. A orde de prelación comezará pola/o solicitante cuxo primeiro apelido comece coas dúas primeiras letras extraídas e, se non houber ningún, continuarase pola/o seguinte solicitante por orde alfabética.


6. No caso de coincidencia no primeiro apelido entre varias/os alumnas/os, comezarase por aquela/aquel cuxo segundo apelido comece coa terceira e cuarta letras extraídas e, se non houber ningún, pola/o seguinte solicitante por orde alfabética.


7. No caso de coincidencia do primeiro e segundo apelido entre varias/os solicitantes, acudirase como criterio de desempate ao nome, por orde alfabética; en caso de persistir, dirimirase por sorteo.


8. Cando os apelidos vaian precedidos de preposicións, conxuncións ou artigos, estes non serán tidos en conta.